Noia asegura a futura campaña coa semente de cría de bivalvo

    NOIA> A confraría de Noia aproveita o parón dos meses de verán para sementar os seus bancos marisqueiros. Esta semana depositaron preto dun millón e medio de cría de procedente do criadeiro do Freixo. A mellora da produtividade dos bancos é unha prioridade para a confraría de Noia que aproveita os meses en que as súas concesións están pechadas para sementalos. Ademais da sementeira da cría, o pósito promove accións de retirada de depredadores e limpeza dos fondos para garantir a mellor campaña posible de cara ó mes de outubro. As mostraxes realizadas ata o momento animan ó optimismo sempre e cando a toxina non faga acto de presenza nesa época do ano cando se rexistran as maiores vendas para conserva. Na actualidade, a ría leva xa máis dun mes afectada pola toxina co que os mariscadores, que faenaban na zona de Muros, tiveron que colgar os aparello e renunciar con impotencia a un xornal diario á espera da reapertura da campaña. Así as cousas, o pósito noiés baralla mesmo adiantar a data de volta ó traballo aínda que dependerá do estado do bivalvo.