SANXENXO> Esta mañá tamén se pronunciou o BNG sobre a situación que se está a vivir en Sanxenxo. A formación local viuse respaldada hoxe pola visita da súa voceira nacional. Para Ana Pontón, o acordo entre SAL e PP é un pelotazo á democracia. Ademais, os nacionalistas ven intereses urbanísticos detrás deste pacto. A voceira nacional do BNG respaldou hoxe en Sanxenxo aos seus compañeiros da formación a nivel local. Para Ana Pontón, o sucedido no municipio demostra o nerviosismo do Partido Popular de cara as vindeiras eleccións. Segundo o edil David Otero, non se coñecen os verdadeiros motivos que levaron aos tres edís de SAL a entregar a alcaldía a Telmo Martín. Para os nacionalistas, detrás do novo bipartito que dirixirá Sanxenxo hai intereses urbanísticos. O edificio ao que se referiu Otero é o coñecido como Valle Inclán, construído no Paseo de Silgar. Esta mañá, o edil de Urbanismo Daniel Fernández, informou que no mes de decembro a comunidade de propietarios do inmoble presentou un estudo de detalle no concello para a consolidación da fronte marítima. Solicitude que, asegurou, era coñecida polo voceiro do BNG. Pola súa banda, Pontón defendeu que o BNG continuará traballando para ofrecer unha alternativa aos veciños que seguen apostando polo cambio democrático.
Inicio Salnés - Caldas