A xoiaría Fernando Gallego intégrase na rede de excelencia de ‘Galicia Calidade’

    OUTES> A xoiaría Fernando Gallego de Outes vén de obter o certificado Galicia Calidade. A directora xeral de comercio entregou este mediodía a distinción ó seu propietario. Esta marca de garantía aplicarase a dúas coleccións exclusivas deste innovador xoieiro. Xoias únicas, exclusivas e especializadas. Dende o ano 2001 Fernando Gallego traballa no deseño destas pezas incorporando novas tendencias e fuxindo da uniformidade. Esta aposta pola innovación e a calidade fixéronlle merecedor da certificación Galicia Calidade que se aplicará á colección Antiques, con antigüidades xenuínas, e a colección Apilables, composta por xoias exclusivas fabricadas en ouro de primeira e diamantes. Precisamente a directora xeral de comercio, encargada de entregarlle o recoñecemento, destacou esta aposta polo talento e a innovación cun vangardista sistema de venda online co que xa exporta as súas pezas a todo o mundo. De igual modo, a alcaldesa da Outes felicitouse polo éxito dunha empresa local con tanta proxección que a través deste recoñecemento seguirá medrando. Con esta certificación, a xoiería Fernando Gallego vense sumar á lista de máis de noventa empresas que xa compoñen a rede de Galicia Calidade en sectores tan variados como a moda, a alimentación ou o turismo, entre outros.