Os veciños de Bealo dispoñen dunha praza pública totalmente remodelada

    inauguracionprazabealo_100_020407.jpgBOIRO > Un bo número de persoas asistiu o pasado sábado na parroquia boiresa de Bealo ó acto de inauguración da praza pública recentemente acondicionada.

    Na mellora da praza de Bealo o concello boirés investiu uns 70 mil euros. A actuación, na que tamén colaborou a Consellería de Vivenda, consitiu basicamente na instalación da rede de recollida de saneamento e pluviais, o seu empedrado, así como tamén a dotación de novo mobiliario urbano.

    Declaración ARI

    Foi precisamente a Directora Xeral de Fomento e Calidade da Vivenda, Encarna Otero, a encargada de anunciar que o próximo paso que se levará a cabo nesta zona será a restauración dun lavadoiro, unha ponte e un muíño existentes na entrada desta parroquia. Segundo ela, a Xunta ten intención de financiar novas actuacións e proxectos neste concello que veñan a poñer en valor os núcleos tradicionais, entre os que se atopa a declaración de Área de Rehabilitación Integral para o núcleo de Moimenta.

    O alcalde Xosé Deira fixo referencia na súa intervención ós recordos da súa infancia, cando visitaba Bealo para asistir ós actos da romaría do san Ramón. Tamén destacou o labor realizado polo executivo na mellora da praza para que os veciños deste núcleo poidar mellora-la súa calidade de vida.

    No acto tamén participou o tenente-alcalde e concelleiro de Obras, Xoán Xesús Ares, que incidiu no gran esforzo realizado polo executivo para levar a cabo esta actuación. Segundo el a intención do goberno local pasa agora por poder dotar ós veciños desta parroquia cunha nova rede de abastecemento de auga.

    Na inauguración da praza tamén participaron representantes da Asociación de Veciños de Bealo ‘Cruceiro de Monxo. O seu presidente, Ramón Puente, valorou moi positivamente a obra realizada xa que segundo el contribuiu a mellora-la estética da aldea. O acto inaugural rematou coa realización dun xantar campestre e un pequeno concerto de música de acordeón a cargo do veciño Gerardo Deira.

    Redacción Barbanza