Corenta nenos de Lousame participan no ‘Concilia de Verán’

    LOUSAME> A secretaria xeral de Familia participou na inauguración do Obradoiro Concilia Lousame de Verán. Este campamento facilitará a conciliación a corenta familias do municipio durante os meses de xullo e agosto ó tempo que promove a educación en igualdade dos nenos participantes. Corenta rapaces de entre tres e doce anos participan no Concilia Lousame de Verán que se desenvolve nas instalacións do colexio Cernadas de Castro. A alcaldesa, Teresa Villaverde, e a directora xeral de Familia, Susana López Abella, inauguraron este campamento que se desenvolverá durante todo o verán co obxectivo de favorecer a conciliación durante a tempada estival. Este obradoiro é unha iniciativa máis das moitas que desenvolve o concello durante todo o ano para que os pais poidan compatibilizar as súas obrigas laborais co coidado dos nenos. Precisamente, a directora xeral destacou o importante esforzo que realiza o concello ó que puxo como exemplo de xestión no rural. Indicou tamén a importancia dos valores e a formación que reciben os nenos que participan neste obradoiro, baseado na educación en igualdade. Este ano, como novidade, recibirán tamén sesións de inglés impartidas por mestres nativos. López Abella anunciou a inminente convocatoria dunha nova liña de axudas para o fomento da conciliación ó que tamén se acollerá o concello de Lousame para manter servizos tan necesarios como madrugadores, a ludoteca ou o punto de atención á infancia.