NOIA> A Consellería do Mar e a confraría de Noia asinaron esta mañá un convenio por valor de 1’6 millóns de euros. Trátase do primeiro dos acordos subscritos no marco do paquete de axudas de 23 millóns aprobadas pola Xunta para compensar os traballos de rexeneración dos bancos.
Noia foi a primeira confraría en asinar o convenio coa Consellería do Mar para acollerse ó plan de axudas para a rexeneración dos bancos marisqueiros A través deste acordo, rubricado esta mañá pola Conselleira e o patrón maior, investiranse 1’6 millóns de euros no financiamento das tarefas de limpeza, arado, sementeira ou vixilancia, así como as axudas compensatorias ás mariscadoras que se acollan voluntariamente para a realización destes traballos.
O patrón maior agradeceu que se habiliten estas axudas compensatorias que considera necesarias pero insuficientes. Ademais destas tarefas que cada ano se desenvolven nos bancos, demandan outras medidas como un plan de eliminación de vertidos da ría e un estudo científico en profundidade para determinar e poder atallar a causa da perda da produtividade.
Antes do acto de sinatura, un grupo de mariscadoras concentráronse ás portas da confraría en sinal de protesta posto que non se lles trasladou información sobre os detalles do convenio. Denuncian que descoñecen os requisitos para acollerse a estas axudas polo que temen que moitas das traballadoras da agrupación a pé poidan quedar fóra.











