O executivo rianxeiro iniciou as obras de rehabilitación das antigas vivendas dos mestres

RIANXO> O obxectivo: destinalas a aloxamento temporal das familias do municipio en situación de emerxencia social.

O alcalde, Adolfo Muíños, visitaba as obras de rehabilitación que se están a levar a cabo nas antigas vivendas dos mestres. A intención do executivo non é outra que destinar catro delas a aloxamento temporal para familias do municipio en situación de emerxencia social. A actuación conta cun orzamento duns 170 mil euros, cantidade que será cofinanciada polo propio Concello e o Instituto Galego de Vivenda e Solo.

O alcalde confía en que as obras poidan estar rematadas antes do verán para poder ser empregadas por aquelas familias que o necesiten. Dáse a circunstancia que xa hai lista de agarda para poder ocupar estes inmobles.

O executivo rianxeiro ten intención de rehabilitar tamén os dous baixos do edificio para destinalos a fins sociais para o que xa ten tamén comprometida unha partida de 100 mil euros de fondos municipais.