Rianxo celebra por todo o alto a Festa da Xouba

    RIANXO> En total repartíronse máis de mil racións deste prezado peixe, acompañado de cachelos, pementos de Padrón e pan. Coa onte, xa son vinte e cinco as edicións celebradas ata o de agora da festa da xouba. Aínda así a deste ano presentou importantes novidades. Unha delas foi o cambio de emprazamento, dende a alameda, no Campo de Arriba, ata o paseo da Ribeira, onde se instalou a carpa provisional. Por ela foron pasando numerosas persoas que non quixeron deixar escapar a oportunidade de probar este prezado peixe característico da nosa Ría. Dende a propia organización, que este ano foi comandada polo Concello, destacouse o éxito desta cita gastronómica na que chegaron a repartirse máis de mil racións de produto, acompañado de cachelos e pementos de Padrón O bo tempo existente durante toda a xornada, así como os grupos de música tradicional que amenizaron a festa, animaron a moitos veciños a sumarse a esta degustación que non só se realizou na propia carpa. Moita xente optou tamén por degustar a xouba nalgún dos 24 locais que participaron este ano na ruta das tapas da xouba que ofreceron este produto elaborado das máis variadas formas.