Unha pasarela peonil conectará A Mercé co Camiño Real na Pobra

A POBRA> O treito da AC-305 ó seu paso pola Mercé, na Pobra, contará cunha pasarela peonil. Dotarase así de seguridade a unha zona moi transitada polo que discorre o Camiño de Santiago  A Orixe.

O concello da Pobra destinará a achega provincial do POS 2023 a construír unha senda peonil na zona da Mercé. A solución adoptada non foi doada dadas as dificultades orográficas do terreo. Tras varios estudos, os técnicos decantáronse pola instalación dunha pasarela en voadizo sobre dúas vigas de formigón que apenas terá impacto paisaxístico.A pasarela irá construída en plástico reciclable, material moi duradeiro que apenas precisa de mantemento.

Ademais de mellorar a mobilidade na zona e favorecer a accesibilidade, esta obra aportará moita maior seguridade ós peóns que transitan por esta vía que coincide cun treito do camiño A Orixe.

A obra conta cun orzamento de 131 mil euros e afectará a un treito duns 135 metros de longo, no que ata o de agora era obrigado cruzar a estrada dúas veces con escasa visibilidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí