A antiga fábrica da Chaínza albergará o futuro centro de día de Noia

NOIA> A antiga fábrica de curtidos da Chaínza en Noia acollerá un centro de día. Non será a única instalación que acollerá este conxunto patrimonial no que tamén se prevé habilitar un albergue e un centro de interpretación.

Trala adquisición do conxunto de naves que compoñen a antiga curtiduría da Chaínza, o concello de Noia dará unha nova vida a este emblemático expoñente do patrimonio industrial da comarca.  Unha das naves converterase nun albergue turístico, un proxecto que está a piques de saír a licitación por valor de 470 mil euros cofinanciados pola Xunta e o concello a través de AGADER.

No edificio principal do conxunto plantéxase a construción dun centro de día que daría servizo a 60 usuarios así como a 15 pacientes con alzheimer. Este proxecto, cun investimento previsto de 1,3 millóns en obra ós que se suman 180 mil euros en equipamento, viría satisfacer a crecente demanda de atención sociosanitaria en toda a comarca.

Estas dúas grandes actuacións veranse complementadas coa restauración dos vestixios que aínda permanecen no interior dalgunhas construcións para a súa posta en valor a través dun centro de interpretación.

A recuperación da Chaínza suporá ademais un importante factor de dinamización turística para o municipio enlazando a zona do campo de Noia co baixo Obre a través dunha senda peonil que uniría o litoral noiés ó longo de 7 quilómetros de paseo.