O Consello da Xunta autoriza a ampliación da EDAR de Rianxo

    RIANXO> Nos próximos días procederase á sinatura dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o concello que permitirá poder levar a actuación cun orzamento de case 14 millóns de euros. O executivo rianxeiro mostrou a súa satisfacción polo anuncio aprobado no último Consello da Xunta que permitirá poder desenvolver a tan ansiada ampliación da EDAR. En próximas datas procederase a sinatura dun convenio de colaboración entre Augas de Galicia e o propio Concello para a redacción e execución do proxecto que xa podería saír a licitación antes do remate do presente ano. O presuposto que se destinará a este proxecto ascende a preto dos catorce millóns de euros. As actuacións previstas permitirán completar o saneamento e a depuración das augas residuais do municipio a través da ampliación da súa planta de depuración existente na zona de Fincheira e á creación dunha nova rede de colectores e un tanque de tormentas. Con ela solucionaranse os problemas derivados do excesivo volume de augas residuais xerados na rede e a súa carga contaminante, especialmente por verteduras procedentes das industrias conserveiras existentes no termo municipal. A nova planta prevé unha capacidade total de tratamento para máis de 23 mil habitantes, moi por riba da actual. A actuación forma parte do Plan de saneamento local da Ría de Arousa cuxo obxectivo é incrementar a calidade das augas e mellorar as condicións ambientais dos núcleos costeiros.