Mar disporá dun orzamento de preto dos 130 millóns de euros para 2015

    BARBABZA> O presuposto da Consellería incrementarase en máis de corenta e dous millóns de euros con respecto ó exercicio anterior. A propia Rosa Quintana informou que este incremento no orzamento da súa Consellería experimentado con respecto ó presuposto de 2015 en máis de 42 millóns de euros vén dado pola maior disposición de fondos da Xunta en xeral e pola dotación económica do novo Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro, no que para o ano que vén Galicia disporá de 364 millóns de euros máis. Precisamente dese Fondo Europeo Marítimo Pesqueiro a Galicia corresponderanlle preto de 500 millóns de euros. Unha cantidade que, segundo ela, irá destinada ó desenvolvemento dun plan de apoio á pesca sostible, con 158 millóns de euros; ó relanzamento da acuicultura como actividade xeradora de riqueza e emprego, con 128 millóns de euros, e á diversificación e complementación da economía marítimo-pesqueira, con case 60 millóns de euros. A titular de Mar destacou tamén que este orzamento estará centrado en catro liñas fundamentais. Unha delas é a de avanzar na consecución de maior valor engadido polos produtos da pesca e outra a de conseguir unha redinamización da acuicultura como fórmula de xeración de emprego e riqueza nas zonas costeiras non urbanas. As outras dúas liñas son a de expandir a potencialidade produtiva do marisqueo e consolidar os seus modelos de traballo asociativo e ampliar as posibilidades de diversificación e complementación económica e laboral. Outros dous aspectos importantes para a Consellería do Mar será o control do medio mariño e da produción con destino a fins alimentarios e a seguridade e loita contra a contaminación no mar, incrementando en preto dun 13% o orzamento do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño e reforzando en máis dun 10% o sistema actual sistema de busca e salvamento e de loita contra a contaminación mariña e contra o furtivismo. Os presupostos tamén contemplan unha partida importante para a mellora das instalacións portuarias e as infraestruturas pesqueiras cun incremento de fondos dun 53%. Entre os proxectos que se porán en marcha este ano destacan a mellora dos portos de Portonovo e Meloxo, así como a reordenación de dársenas coma a de Cabo de Cruz coa instalación de pantaláns cara o sector profesional.