Traballadores de Elnosa protestan ante a sé de Marea Pontevedra

PONTEVEDRA> A moción para pedir o peche de Elnosa non gustou aos traballadores da factoría. Esta mañá, representantes do comité de empresa trasladaron as súas protestas ata a sé de Marea Pontevedra na capital. Non entenden o posicionamento desta forza política, e aseguran que continuarán defendendo os seus postos de traballo. Tamén teñen xa data para a reunión coa dirección da empresa: o encontro será o vindeiro día 26. A moción de Marea Pontevedra para pedir o peche de Elnosa no pleno de Pontevedra, tivo resposta na súa sé. Ao mesmo tempo que arrincaba a sesión, os traballadores concentrábanse ás súas portas. Non entenden, aseguran, o cambio de postura da formación. Botan de menos máis diálogo cos partidos políticos. O pasado mércores concentráronse diante das portas do Parlamento Galego, onde tamén se debatía unha moción contra a continuidade da cloreira en Lourizán. ‘BNG e Marea Pontevedra traicionan a clase obreira’ é o texto da pancarta que hoxe levaban ás portas da sé da formación. Para eles, unha realidade que hai que denunciar. Dende o comité de empresa agardan ter máis diálogo coa dirección de Elnosa. O vindeiro 26 de setembro manterán un encontro para coñecer a situación dos diferentes trámites que se están a realizar, apurando os tempos para que a partires do 11 de decembro non teñan que abandonar Lourizán.