PONTEVEDRA> O hospital provincial conta cunha nova área de neonatoloxía. A reforma amplía o espazo de traballo dos profesionais da unidade, reubicando o novo equipamento para a atención ós recén nados. O conselleiro de sanidade visitou esta mañá as novas instalacións, nas que se realizou un investimento de 375.000 euros.
O conselleiro de Sanidade visitou hoxe a nova área de Neonatoloxía do Hospital Provincial de Pontevedra. A renovación consistiu na ampliación do espazo de traballo e a adquisición de novo equipamento.
A nova unidade de Neonatos conta con cabeceiros suspendidos para eliminar as conexións á parede que limitaban os movementos arredor do paciente. Esta medida implica tamén a creación dunha nova rede de gases medicinais e un novo equipamento de monitorización de ventilación non invasiva.
Dotada de sillóns recostables para que nais e pais poidan realizar o contacto pel con pel, esta nova área do Hospital Provincial dispón dun despacho de información e conta cun protocolo de acompañamento para que os proxenitores poidan estar co seu meniño cando así o desexen, cunha limitación de dúas persoas por bebé.
Con esta dotación preténdese proporcionar unha mellor cobertura asistencial á gran prematuridade. O conselleiro lembrou que na área sanitaria Pontevedra-O Salnés un 7% dos bebés naces de forma prematura.
Tamén se habilitou unha sala de extracción de leite, que complementan o punto de recollida do Banco de Vigo.
As instalacións darán servizo á unidade ata que se conclúa o Gran Montecelo.