As Rutas do Viño achegan os seus encantos aos potenciais enoturistas

PONTEVEDRA> A caravana do enoturismo chegou hoxe a Pontevedra. Durante todo o día, a praza de España acolleu a visita deste enotruck, que percorre as cidades galegas achegando a oferta turística das cinco rutas do viño da comunidade aos potenciais usuarios. Explicacións, catas e incluso un concerto, compoñen esta acción promocional. As Rutas do Viño Galegas, preparadas para sacar á rúa todos os seus encantos. Concentrando exemplos das súas propostas nun enotruck, levan unha semana percorrendo as principais cidades da comunidade. Hoxe, a parada foi en Pontevedra. As Rutas do Viño Rías Baixas, Monterrei, Ribeira Sacra, Valdeorras e Ribeiro demostraron o seu tirón, colgando o cartel de cheo nas catas que acolle o enotruck. E é que as catas son a actividade estrela desta acción promocional. Nelas, os participantes poden realizar unha viaxe polas diferentes Denominacións de Orixe a través dalgúns dos seus caldos. Sempre guiados pola sumiller Mercedes González. Esta actividade nace da iniciativa da marca paraugas Enoturismo en Galicia, que aúna as cinco Rutas do Viño. Tamén conta co apoio do Clúster de Turismo e de Turismo de Galicia, que decidiron optar pola proactividade para atraer potenciais enoturistas.