Os noieses poderán degustar 16 variedades da II Festa da Cervexa

    NOIA> Noia acollerá entre o xoves e o domingo a segunda edición da Festa da Cervexa. Trátase dunha iniciativa promovida por un grupo de hostaleiros do casco histórico para dinamizar a actividade na vila durante a tempada baixa. Aqueles que se deixen caer esta fin de semana por Noia poderán degustar ata dezaseis variedades de cervexa. Esta é a proposta que fan ‘Os Chiquiteiros’, un grupo de hostaleiros da vila que organizan a festa da cervexa que este ano acada a súa segunda edición. A degustación cervexeira servirase acompañada de salchichas e bombas de lombo. Haberá ademais inchables para nenos e actuacións musicais de sete grupos entre os que destaca o tributo a ACDC que ofrecerá ‘Riff Raff’ o sábado pola noite. Este ano como novidade celebrarase tamén o ‘Birratrón’, un circuíto de probas atléticas para os máis cervexeiros. As actividades desenvolveranse nunha carpa instalada polo concello na praza do Tapal.