Cúmprense quince anos da peor catástrofe ecolóxica en Galicia

    RIBEIRA> Quince anos despois da catástrofe do Prestige, apenas se constata a presenza de restos de fuel na costa galega. A pesar da rápida recuperación das zonas afectadas, os mariñeiros entenden que o chapapote que aínda permanece nos fondos mariños si ten afectado á produtividade. Hai quince anos, Galicia vivía a peor catástrofe ecolóxica da súa historia. O trece de novembro, no medio dun forte temporal, o Prestige emitía un sinal de auxilio trala apertura dunha vía no casco. Seis días despois, mentres trataban de afastalo o máximo posible da costa, o barco afundía derramando setenta e sete mil toneladas de fuel. O resto xa é historia. A historia de miles de mariñeiros, veciños e voluntarios que tentaron conter coas súas propias mans o avance da marea negra A pesar da dureza daqueles meses, os fortes temporais que sacudiron Galicia nese inverno axudaron á retirada do chapapote. Aínda así é difícil saber en que medida o desastre afectou á produtividade dalgunhas zonas. Pasado o tempo, quince anos despois, son moitas as voces que din que pouco se ten avanzado en materia de seguridade no caso de que volvera acontecer un accidente similar.