Teresa Villaverde nega a existencia de proxecto algún para o crematorio

LOUSAME> A alcaldesa saíu así ó paso da polémica xurdida en relación á posible instalación dun crematorio en Portobravo, mandando unha mensaxe tranquilizadora á veciñanza. A colocación dun letreiro no tanatorio foi o detonante da polémica sobre a instalación dun crematorio en Lousame. Se ben é certo que a empresa amosou o seu interese a través dunha consulta sobre os trámites necesarios para este tipo de instalación, ata o de agora non se ten rexistrado ningún proxecto nin solicitude ó respecto. Neste punto, a alcaldesa quixo tranquilizar ós veciños que xa manifestaron a súa inquedanza ante este tipo de instalación. No caso de que a empresa chegue a presentar proxecto, o concello convocará ós afectados para explicar os pasos a seguir. En primeiro lugar, a instalación debería ser compatible cos usos establecidos no PXOM. E no caso de selo, son moitos os organismos que deberán emitir informes favorables antes de autorizar a instalación. Teresa Villaverde amosouse moi crítica ante o uso partidista deste tema que están tentado realizar algunhas formacións políticas, desinformando á cidadanía.