Vilagarcía visibiliza a súa repulsa á violencia de xénero a través da voz da farmacéutica Adriana ‘A Boti’

VILAGARCIA> En Vilagarcía neste 25N organizouse un acto no concello. A farmacéutica Adriana López, coñecida como ‘A Boti’, foi a encargarda de darlle lectura a un manifesto. Nel reclamouse máis medios para poñer fin a esta lacra. Tamén un chamamento á unidade de todas as administracións para traballar de xeito coordinado en materia de violencia de xénero.

A música foi unha das grandes protagonistas no acto deste 25 de novembro organizado polo Concello de Vilagarcía.

A ameaza de chuvia obrigou a trasladar este acto ao salón de plenos municipal. Nel tomou a palabra a farmacéutica Adriana ‘A Boti’, encargada desta volta de darlle lectura ao manifesto elaborado pola Fegamp e asumido polo Consello Local da Muller.

No texto faise unha lembranza a todas as mulleres vítimas da violencia de xénero.

Así mesmo, reclámanse máis medidas por partes das administracións para erradicar esta lacra.

Adriana ‘A Boti’ é colaboradora habitual nas xornadas sobre “A perspectiva de xénero na saúde” organizadas pola Área de Igualdade con monólogos nos que utiliza o humor para denunciar situacións discriminatorias e reivindicar cambios neste ámbito. Ao remate da súa intervención tomou prestadas unhas palabras da súa nai.

Por parte do concello, interveu a concelleira de Servizos Sociais. Tania García reivindicou a necesidade de visibilizar a loita contra a violencia de xénero os 365 días do ano.

Ao acto asistiron representantes de todos os grupos políticos con representación municipal, así como representantes de diferentes colectivos sociais do concello.