O PSOE de Muros esixe a retirada da denuncia contra Caridad González para manter o pacto

MUROS> O futuro do goberno bipartito de Muros está no aire. Os socialistas condicionan o mantemento do pacto á retirada da denuncia contra Caridad González. Pola contra, o BNG aposta pola continuidade do acordo alegando que a retirada da confianza tan só afecta a esta concelleira e non ós outros dous compañeiros.

A tan só seis meses da celebración das próximas eleccións municipais, o cisma xurdido no seo do goberno de Muros vén de poñer patas arribas o panorama político neste concello. BNG e PSOE subscribiron un acordo para apoiar a investidura da nacionalista María Lago en 2023. Tres anos e medio despois a continuidade do pacto pende dun fío despois de que a alcaldesa presentase unha denuncia contra a tenente alcalde, a socialista Caridad González.

González, quen afirma que aínda non se lle notificou o cese das súas responsabilidades de goberno, ten claro que o acceso ó despacho non é o motivo real da denuncia e alude ó desacordo á hora de apoiar a licitación dun contrato millonario para a xestión dos servizos enerxéticos do concello.

Con respecto ó futuro do goberno de Muros que deriva desta anómala situación, o PSOE supedita o mantemento do acordo á retirada da denuncia contra Caridad González.

Pola contra, o BNG, a través dun comunicado expresou a súa vontade de manter o acordo ata o final do mandato posto que a perda de confianza refírese unicamente a González e non afecta ós outros dos edís que forman parte do goberno. Este escenario antóllase improbable xa que dende o PSOE son claros: sen a retirada da denuncia non hai pacto posible.