O Castro Alobre recorrerá á hostalería para fomentar o galego

VILAGARCÍA> Sacar o fomento do galego das aulas para levalo a diferentes eidos da vida de Vilagarcía. Este é o obxectivo que dende hai varios anos persegue o departamento de Normalización Lingüística do Instituto Castro Alobre. Neste curso, o obxectivo serán os bares. O centro repartirá milleiros de panos de mesa de papel con pasatempos en galego.

O Instituto Castro Alobre de Vilagarcía quere fomentar o galego máis aló das aulas. Con este obxectivo, o seu departamento de Normalización Lingüística pon en marcha a actividade “Pasa tempo co galego”.

Cinco alumnos do centro encargáronse de dar forma a outros tantos pasatempos, con temáticas como as partes do corpo, as praias de Vilagarcía, os seus festivais, a fauna galega ou atopar que lingua se fala na capital arousá. A seguinte parte da actividade será distribuír estes panos de mesa.

Non é a primeira edición desta actividade. De feito, nos últimos dous anos os alumnos elaboraron salvamanteis e pousavasos con mensaxes en galego.