Bouza do Rei Gran Selección, o único viño galego no top 100 da prestixiosa revista Wine Spectator

RIBADUMIA> Un viño da Denominación de Orixe Rías Baixas sitúase na lista dos mellores cen viños do ano, da prestixiosa revista estadounidense Wine Spectator. Trátase do albariño Bouza do Rei Gran Selección, que ocupa o posto 64. É o único viño galego que figura neste ranking, no que só entraron cinco españois.

Wine Spectator é unha das revistas máis prestixiosas do mundo do sector do viño. Cada ano, esta publicación estadounidense elabora unha lista cos que considera os 100 mellores viños do mundo. Neste selecto grupo figura un viño da Denominación de Orixe Rías Baixas: Bouza do Rei Gran Selección. É o único galego e un dos cinco españois que forman parte deste ranking.

Para Bouza do Rei trátase dun auténtico fito, máis aínda tendo en conta a gran cantidade de aspirantes que optaban a coarse na lista, máis de 11.000. Dende a adega falan dun reto superado. Logrou facerse con 92 puntos.

Desta colleita de 2024 Bouza do Rei elaborou unhas 40.000 botellas. Dende a adega destacan tamén o seu carácter exclusivo.

A adega asentada en Ribadumia presume con orgullo deste recoñecemento tan difícil de lograr. Con todo, Bouza do Rei non é a primeira vez que figura neste ranking, que se vén elaborando dende finais dos anos 80.

Para Bouza do Rei e, por extensión para toda a DO Rías Baixas, figurar neste top 100 supón tamén un gran impulso á súa proxección nos Estados Unidos, o principal mercado exportador dos viños da denominación de orixe.

A adega Bouza do Rei naceu no ano 1984. Nestes momentos xestiona unhas 165 hectáreas, cunha capacidade de produción duns 900.000 litros.