A Xunta iniciou o reforzo do firme en varias estradas do Barbanza

BARBANZA> As actuacións inclúense no plan de reforzos de firme, co obxectivo de conservar a rede viaria autonómica no mellor estado posible e incrementar a seguridade viaria. Durante os vindeiros catro meses a consellería de Infraestruturas e Mobilidade desenvolverá a mellora do firme en tres viais da comarca do Barbanza. As actuación iniciáronse xa  esta mesma semana na AC-553, o vial que une a autovía do Barbanza co acceso á Ponte de Catoira, en Rianxo. Nesta vía actuarase ó longo de toda a estrada, de algo máis dun quilómetro de lonxitude, estando previsto tamén a construción en zonas puntuais de cunetas de seguridade. Outra das estradas nas que se actuará será na estrada AC-305, en varios trams puntuais dos concellos de Boiro, Rianxo e Dodro. Tamén se acometerán melloras na AC-550, ó seu paso polo concello de Noia. As actuacións, incluídas no plan de reforzos de firme, teñen coma obxectivo prioritario a conservación da rede viaria autonómica e incrementar a seguridade viaria.