Pontevedra volve sacar a licitación nove postos do primeiro andar do Mercado con cambios nas condicións

PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra non se rende co primeiro andar do Mercado. O goberno local lanzará unha nova licitación para adxudicar nove postos deste espazo. Faino introducindo novidades nos pregos: flexibilización da solvencia económica, diversificación de actividades e unificación de casetas. Cambios cos que se busca facilitar o acceso a novos emprendedores. Actualmente só 6 dos 26 postos están cubertos.

Nove postos do primeiro andar do mercado de Pontevedra volverán saír a licitación. O concello pon en marcha un novo proceso, co obxectivo de reactivar este equipamento.

O novo proceso ábrese tamén con cambios nas condicións, buscando corrixir erros detectados nas anteriores convocatorias. Así, por exemplo, ofertarán máis espazos unificados: dos nove postos, tres serán dobres.

Tamén se abren estes postos a novos usos. Aínda que se prioriza o sector primario ou os usos gastronómicos, o concello ábrese a calquera experiencia emprendedora relacionada coa artesanía, a creatividade ou outros sectores.

Outro aspecto que muda e que dende o concello cren que será clave é a flexibilización da solvencia económica para mozos e novos emprendedores. Xa non será necesario acreditar tres anos de volume de negocio previo.

O que se manteñen son as taxas accesibles e a flexibilidade horaria. Cada negocio adaptará a súa xornada laboral en base ás súas necesidades. En canto ao canon e ás taxas anuais, fíxanse entre os 350 e os 315 euros en función das características do posto. A concesión será polo prazo dun ano, ampliable ata cinco.

Trala publicación oficial dos pregos no boletín, abrirase un prazo dun mes para presentar solicitudes. O procedemento contempla 10 días entre fases de apertura e un prazo de 3 meses para a posta en marcha dos negocios, cun mes para presentar o proxecto e 2 para realizar as obras que sexan precisas.