Os traballadores sanitarios, os primeiros en vacinarse contra a gripe este ano

O SALNÉS> ‘Contaxia a túa enerxía e non a túa gripe’. Este é o lema escollido para a nova campaña de vacinación contra a gripe. Este ano o SERGAS decidiu incluír novos grupos de risco, como os celíacos ou os menores de máis de seis meses. Durante esta semana é o persoal sanitario o que está recibindo as novas vacinas. A partir do luns estenderase ó resto da poboación.

Cun xesto tan sinxelo como este podémonos evitar moitos problemas. A campaña de vacinación contra a gripe xa está en marcha, aínda que a poboación xeral terá que agardar ata o vindeiro luns. Durante esta semana é o persoal dos centros sanitarios os que están a ser vacinados. Hoxe foi a quenda dos profesionais do Hospital do Salnés.

Ademais de reduci-la cantidade de posibles casos, o SERGAS busca con esta campaña de vacinación diminuí-las consecuencias dun proceso gripal nun doente porque, segundo lembran, non é o mesmo superar unha gripe con vacina que sen ela. Para a área de Pontevedra-O Salnés, o goberno galego fixa uns obxectivos concretos: unha cobertura superior ó 40% no persoal sanitario e do 65% nos maiores de 65 anos.

Ademais dos grupos de risco xa habituais, este ano engadíronse outros máis. Decidiuse incluír novos supostos, como os celíacos, as embarazadas ou os menores a partir dos 6 meses. Ademais, tamén haberá novidades no seguimento que se fai na atención primaria das vacinacións.

A campaña da gripe vaise prolongar ata o 28 de decembro.