Pontevedra conxela por quinto ano consecutivo as taxas municipais

Pontevedra> O concello de Pontevedra aprobou en Xunta de Goberno a conxelación das taxas. Por quinto ano consecutivo non se subirán os impostos de carácter municipal. Esta medida é o primeiro paso de cara á aprobación dos orzamentos para o 2019.

Por quinto ano consecutivo os pontevedreses non verán aumentadas as cargas fiscais de carácter municipal. Non se aplicará tampouco a suba do IPC, que segundo a estimación de setembro se sitúa nun 2,3%. O voceiro municipal indicou que de ter aplicado esta subida, o concello ingresaría arredor dun millón de euros.

Con esta medida de carácter fiscal, Pontevedra sitúase entre as capitais de provincia con menor carga impositiva do Estado, segundo o ranking tributario elaborado polo concello de Madrid.

A  conxelación de todas as taxas e impostos municipais é o paso previo á elaboración dos orzamentos municipais de 2019, nos que xa se está a traballar. Os servizos económicos do concello xa están a realizar os primeiros trámites contables, coma os cálculos de nómina ou as amortizacións de préstamos. Só queda agardar a que goberno central elabore un borrador dos orzamentos estatais para ter en conta cuestións coma o incremento salarial dos funcionarios ou as transferencias económicas ós concellos.

Raimundo González lembrou que o obxectivo é que pague todo o mundo e que haxa a equidade fiscal.