SALNÉS> A Ruta do Viño Rías Baixas pon en marcha un novo ciclo de obradoiros. Cerámica, gastronomía, flores e velas aromáticas, sempre maridadas con viño, dan forma a esta proposta. Todas as actividades celebraranse en adegas e establecementos asociados á Ruta entre novembro e decembro. Un xeito de celebrar o Día Mundial do Enoturismo e de fomentar a desestacionalización das visitas.
A Ruta do Viño Rías Baixas lanza unha nova proposta. A asociación prolonga a celebración do Día Mundial do Enoturismo ata decembro, con sete obradoiros no marco do ciclo ‘A Ruta inspira’.
Unha das primeiras propostas será o obradoiro Cerámica e Viño, no que os participantes modelarán a súa propia peza. Celebrarase tres sábados: o 7 de novembro na adega Quinta Couselo, o 21 en Terra de Asorei e o 28 en Pazo Baión. Tamén o sábado 7 o hotel Quinta de San Amaro acollerá a proposta culinaria: Sabores e aromas de México e Viño, da man de Cocinando en el Salnés e a chef Rocío Garrido. A seguinte viaxe gastronómica será tamén con eles o sábado 21, desta volta por Oriente.
As últimas propostas levan o selo da florería pontevedresa Índigo. Bodegas Vionta acollerá o sábado 14 de novembro o obradoiro Flores e Viño. Xa en decembro, o sábado 12, o escenario será Pazo de Señoráns con Velas Aromáticas e Viño.
Todas as actividades da Ruta Inspira terán unha duración mínima de tres horas, cos materiais incluídos. As entradas xa están á venda. Poden adquirirse na web da Ruta do Viño Rías Baixas.











