O novo PXOM do Grove poderá consultarse a partir do vindeiro mércores

O GROVE> A partir da vindeira semana, o PXOM do Grove poderase consultar a través da internet. O novo documento, que modificaría a polémica proposta do 2014, estimou o 90% das máis de 4.000 alegacións presentadas daquela. O novo documento determina que o 82% do territorio meco é solo rústico. Para o rexedor, isto demostra a aposta pola protección do medio ambiente, con vistas ó futuro.

O goberno meco conta con remata-la lexislatura co PXOM aprobado. Ese é o reto que se marca o Concello, na carreira de longo percorrido que foi transforma-lo polémico documento do ano 2014, elaborado polo anterior executivo, no novo Plan que contempla o actual goberno.

Na nova norma, foron estimadas de forma favorable o 90% das máis de 4.000 alegacións presentadas polos veciños hai agora catro anos.

O novo Plan de Urbanismo reduce nun 60% a expectativa de construción de novas vivendas. Agora, para os vindeiros 15 anos, o texto contempla a edificación de algo máis de 1.800 vivendas, fronte as case 6.000 que se contemplaban no plan do ano 14.

O novo PXOM terá repercusión no 18% do territorio meco, entre solos urbanos, industriais e rurais. O 82% restante será catalogado como solo rústico.

A partir do vindeiro mércores, o Plan de Urbanismo estará dispoñible na páxina web municipal. Tamén se poderá consultar de forma física en tódolos centros sociais e culturais que así o soliciten. Ademais, o rexedor conta con celebrar unha nova xeira de reunións abertas á cidadanía, seguindo a estela das 30 charlas que se celebraron por todo o concello nos últimos dous anos para escoitar as demandas veciñais.

Unha vez culminado esa rolda de encontros, tomarase a decisión de levalo a Pleno para a súa aprobación definitiva. Ata que iso ocorra, o urbanismo no Grove continuará rexéndose polas normas subsidiarias do ano 96.