O marisqueo pide axuda: ‘Non hai berberecho nin para facer unha empanada’

PONTEVEDRA> Multitudinaria manifestación en Pontevedra do marisqueo das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo. O sector alerta da situación límite na que se atopan. A mortaldade masiva de berberecho e ameixa que sofren dende outubro levounos a solicitar o cese de actividade, que pretenden manter ata o mes de xullo. Pero reclaman á Xunta e ao Goberno do Estado axudas dignas, que se tomen medidas para rexenerar as rías e a flexibilización temporal das obrigas fiscais coa Seguridade Social nos tempos de paro ou escaseza.

Pódese dicir máis alto pero non máis claro. E aínda así as mariscadoras decidiron facerse notar hoxe en Pontevedra nunha multitudinaria manifestación das rías de Pontevedra, Arousa e Vigo.

A mortaldade masiva do marisco que se produciu nos meses de outubro e novembro deixou o marisqueo en xaque. O sector leva dende xaneiro sen ir ao mar despois de solicitar un cese de actividade que queren prolongar ata o mes de xullo.

Denuncian que o sector está nunha situación límite. Por iso saíron á rúa para reclamar á Xunta e ao Goberno do Estado que traballen de xeito coordinado na toma de medidas. Piden un plan para rexenerar as rías e que se flexibilicen os pagos á Seguridade Social cando non haxa actividade.

Unha situación que leva a moitos a deixar de traballar no marisqueo ante un futuro cada vez máis incerto.