MADRID> A Asociación de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia fai este ano unha aposta clara e decidida polas rutas de sendeirismo. Farao a través do proxecto ‘Camiñando pola ría de Muros-Noia’ que esta mesma tarde era presentada no stand de Turismo de Galicia en Fitur.
Atraer ós amantes desta modalidade deportiva como é o sendeirismo, que gaña cada vez máis adeptos, será unha das principais apostas para este ano da Ría da Estrela, xeodestino da Asociación de Desenvolvemento Ría de Muros-Noia. Nun acto conducido polo xornalista Fernando Valmaseda, especialista en turismo, e no que participaron os alcaldes dos cinco municipios que integran a esta entidade: Muros, Outes, Noia, Lousame e Porto do Son, presentouse o proxecto ‘Camiñando pola Ria de Muros-Noia.’ A iniciativa pretende dar a coñecer os principais recursos destas dúas comarcas que destacan pola súa beleza paisaxística e medioambiental, que as converten ademais en espazos singulares.
Todo sen querer esquecer outra das súas apostas como é a promoción do Camiño de Santiago cunha ruta que percorre os cinco concellos, aproveitando o tirón do Xacobeo 21. Na presentación, ademais dos alcaldes, tamén participaron representantes de clubs e asociacións locais que habitualmente organizan este tipo de actividades ao longo do ano. Tamén estivo presente o delegado da Xunta na Coruña Ovidio Rodeiro.