RIBEIRA> A CIG-Saúde denuncia a falla de especialistas. Trala oposición convocada polo SERGAS para os postos de difícil cobertura, algún dos profesionais que obtiveron praza seguen a traballar en Santiago malia que asinaron o contrato para desenvolver o seu labor no hospital comarcal.
As delegadas da CIG-Saúde no hospital do Barbanza denuncian que a OPE convocada polo SERGAS para as prazas de difícil cobertura non está a solucionar os problemas que xa rexistraba o hospital do Barbanza en determinadas especialidades.
Os casos máis graves están en radioloxía, con tan só dous médicos fixos para realizar gardas, e medicina interna onde xa partían dun déficit importante. Nesta última convocáronse catro prazas, aínda que a previsión é que só se cubran dúas. O titular dunha delas xa asinou o contrato a pasada semana pero segue a traballar no Hospital Clínico de Santiago.
A falla de internistas que se vén mantendo dende hai anos implica que haxa pacientes á espera dunha revisión dende principios de 2022.











