PONTEVEDRA> A asociación Arela continúa a traballar para dar segundas oportunidades aos adolescentes con dificultades e medidas xudiciais. Faino a través do programa Convive punto comigo, que procura acollementos temporais aos rapaces e rapazas que se atopan nesta situación. Para conseguilo, a entidade busca persoas que queiran exercer este papel. Hoxe a iniciativa presentouse no concello de Pontevedra co obxectivo de chegar a máis xente.
A asociación Arela busca familias ou persoas dispostas a dar acollemento a adolescentes con dificultades. Trátase do programa Convive.COMigo, que se desenvolve en Pontevedra dende o ano 2018.
Actualmente contan con cinco grupos familiares activos. O programa está financiado pola Consellería de Política Social. Dende Arela manteñen un contacto continuo co Xulgado de Menores para que o teñan en conta á hora de avaliar a situación dun adolescente.
Dende Arela, buscan que a iniciativa chegue a canta máis xente, mellor. Queren dala a coñecer para ampliar o seu ‘banco’ de posibles acolledores.
Pola súa banda, o concello de Pontevedra colabora con Arela na difusión deste programa.
As persoas que participen no programa contarán con formación grupal e individual, asesoramento e acompañamento de profesionais e un financiamento durante os meses nos que convivan co adolescente. Os interesados poden informarse contactando con Arela.