Simulacro de extinción de lumes forestais en Cortegada tres anos despois do incendio

VILAGARCÍA> A illa de Cortegada acolleu hoxe un simulacro de extinción de incendios forestais. A manobra chega tres anos despois de que un lume puxera en xaque ós efectivos de extinción. No simulacro desta mañá participaron diversos corpos de emerxencias, aínda que o mal tempo impediu a intervención dos medios aéreos.

O lume puxo contra as cordas en xullo de 2015 a illa de Cortegada. A falta de coordinación de efectivos e as condicións adversas daquela xornada levou ó goberno local a solicitar en reiteradas ocasións un simulacro neste espazo  do Parque Nacional das Illas Atlánticas.

Esas manobras producíronse hoxe. Efectivos de extinción de Medio Rural, persoal de Medio Ambiente, Protección Civil, Policía Local, o Seprona e a Policía Nacional participaron na extinción simulada dun conato de incendio declarado na parte alta do poboado da illa e que afectou a 4.500 metros cadrados. O exercicio desenvolveuse seguindo un protocolo concreto.

Así as cousas, a simulación non foi tan ben como podería. O simulacro serviu, por exemplo, para determinar que é precisa unha mellora no sistema de comunicacións. Os exercicios duraron unhas dúas horas. Supervisando a súa evolución, dende o peirao de Carril, diversos técnicos e tamén autoridades, como o delegado da Xunta en Pontevedra.

O alcalde de Vilagarcía, pola súa banda, reivindicou a necesidade de saber protexer un espazo como a illa de Cortegada. Alberto Varela cre que o incendio de 2015 foi unha advertencia para que o patrimonio natural sexa debidamente protexido.

O simulacro desta mañá enmárcase nas medidas de fomento da coorinación que se están a desenvolver dende a Xunta co gallo do inminente arranque da campaña de alto risco incendiario.