A ría de Pontevedra recibiu un 20% máis de embarcacións en tránsito que o verán pasado

PONTEVEDRA> Portos de Galicia fixo balance esta mañá dos tránsitos nos portos deportivos autonómicos durante a campaña de verán. Os resultados reflicten un incremento do 20% con respecto ó ano anterior na ría de Pontevedra.

Durante os meses de xullo, agosto e setembro pasaron polos portos deportivos pontevedreses 3.543 embarcacións. No caso concreto da ría de Pontevedra, que agrupa os portos dos concellos de Poio, Sanxenxo, A Toxa e a propia Pontevedra, foron 1822 os tránsitos, o que supuxo un 20% máis que no 2017.

Aínda que no mes de xullo houbo unha baixada das cifras debido o tempo desfavorable, remontouse en setembro, que rexistrou unha subida do 50% con respecto ó setembro anterior.

O presidente de Portos de Galicia lembrou que promover a chegada de barcos en tránsito ás instalacións de náutica de recreo galegas está dentro das liñas estratéxicas da entidade.

Salientou que estes tránsitos xeran beneficios non só nas propias instalacións, senón tamén na contorna.

Para reforzar este retorno económico, Portos de Galicia traballa no fortalecemento da náutica de recreo, dentro da súa planificación estratéxica para a próxima década, facendo fincapé na fidelización dos navegantes e o relevo xeracional.