A Xunta cre que as axudas do Goberno central para o sector do viño apenas terán incidencia en Galicia

GALICIA> O goberno central vai destinar 90 millóns de euros ó sector vitivinícola. Desa cantidade, as adegas galegas recibirán pouco máis de 400.000 euros. Cando menos, esa é a estimación que fai a Xunta, que considera que estas axudas van ter unha escasa incidencia no sector. O executivo galego entende que a realidade de cada comunidade é distinta. Por iso demándalle ó central que teña  en conta ás autonomías á hora de deseñar este tipo de liñas de axuda.

O Goberno central vai inxectar 90 millóns de euros no sector vitivinícola de toda España para palia-los efectos da crise derivada da COVID-19.  Segundo as estimacións feitas pola Xunta, dese montante, Galicia recibirá apenas 400.000 euros. Unha cantidade que para o Conselleiro do Medio Rural terá unha incidencia escasa ou nula nas distintas denominacións de orixe que hai en Galicia.

O Conselleiro entende que estas axudas non atenden ás particularidades do sector do viño en cada territorio, porque non se adaptan á súa realidade. Por iso, José González reclama ó executivo central que escoite ás distintas comunidades produtoras de viño á hora de confeccionar e aplicar liñas de axudas como as que acaban de anunciar.

A Xunta reclama campañas de promoción e comercialización do viño. Entende que as medidas previstas serven só para aqueles caldos con pouco valor engadido, como os que se producen noutros territorios de España.

Medio Rural considera tamén como outro despropósito a obriga establecida polo Ministerio de que os consellos reguladores teñan que reducir a produción nesta mesma vendima, diminuíndo os rendementos máximos por hectárea para vinificación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí