O BNG de Muros-Noia celebra unha xuntanza de traballo en Outes

NOIA> Unha das liñas fundamentais de traballo da formación para estes próximos catro anos volverá a ser a Ría, tratando de resolver as problemáticas que afectan ó sector do mar, a principal fonte de ingresos para estas dúas comarcas.

A depuración das augas nos diferentes concellos da zona, especialmente aqueles con maior dispersión territorial, será tamén outro dos aspectos que centrarán a atención dos nacionalistas, como tamén o será a situación das infraestruturas viarias.

Na parte social, os nacionalistas volverán a poñer o foco na falla de gardería pública en Noia, así como tamén a necesidade de levar adiante dous proxectos actualmente paralizados como son os novos centros de saúde de Porto do Son e Noia, tras anos de promesas.

Outros dos temas nos que seguirán incidindo serán a situación da planta de Servia, e tamén da mina de San Finx, para a que piden a restauración da contorna, despois de que a Xunta denegase recentemente a autorización de vertidos.

Por último os nacionalistas piden tamén o desenvolvemento de máis chan industrial nesta comarca, e o desdobramento do corredor de Brión a Noia, sen esquecer tampouco a mellora da AC-550 de Muros a Noia, en moi mal estado.