A Operación Halia contra o narcotráfico deixa polo menos 15 detidos, a maioría no Salnés

O SALNÉS> Nova operación contra o tráfico de drogas con epicentro na comarca do Salnés. Dende primeira hora da mañá a Garda Civil está a desenvolver rexistros en diferentes concellos,como Cambados, Ribadumia, Vilagarcía e Vilanova de Arousa. Tamén en Madrid. Xa hai 15 detidos, investigados polos delitos de tráfico de drogas, pertenza a organización criminal e branqueo de capitais.

Dende primeira hora da mañá a Garda Civil puxo en marcha un amplo dispositivo na comarca do Salnés. Comezaba a bautizada como Operación Halia e os furgóns deixáronse ver en diferentes puntos dos concellos de Cambados, Ribadumia, Vilagarcía e Vilanova de Arousa.

Era o inicio dun novo operativo contra o tráfico de drogas que deixou como balance temporal alomenos 15 persoas detidas, a maioría no Salnés. Realizáronse 25 rexistros, principalmente en vivendas, que permitiron aos axentes incautarse dunha importante contía de cartos en efectivo e de diferentes drogas, aínda por determinar. Os axentes tamén entraron nunha nave no polígono industrial de Sete Pías.

No marco desta intervención, tamén se realizaron rexistros en Soutomaior, Ferrol e Madrid.

Os detidos están a ser investigados polos delitos de tráfico de drogas, pertenza a organización criminal e branqueo de capitais.