O Concello levará ós tribunais a revisión da Autorización Ambiental de Ence

PONTEVEDRA> A Xunta de Galicia ven de actualizar a autorización ambiental de ENCE, coa que contaba dende abril de 2008. Con esta revisión, a dirección xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático rexeita as alegacións presentadas por colectivos coma a APDR ou a confraría de Lourizán, e polo concello de Pontevedra, que presentará un recurso contencioso administrativo.

O concello de Pontevedra levará ós tribunais a nova Autorización Ambiental Integrada de ENCE.  Esta autorización ten unha validez de catro anos e adapta os parámetros de emisións ós fixados no 2014 pola Comisión Europea. Para isto a empresa deberá realizar melloras técnicas que reduzan a contaminación. Antes do 1 de abril, as augas pluviais do complexo deberán ser vertidas tras o seu tratamento lonxe da costa a través do emisario submarino da depuradora de Os Praceres. As augas residuais terán que facelo antes do 1 de decembro.

Dende o concello non entenden que a empresa poida facer uso dun emisario feito con fondos públicos.

A autorización marca tamén revisións periódicas das emisións contaminantes e obriga a instalar un novo punto de control da contaminación en Campelo.

Ante o rexeitamento dos informes e alegacións presentadas ata o momento en contra da renovación da AAI, o concello aprobou en Xunta de Goberno presentar un recurso contencioso-administrativo. Ós argumentos empregados nas alegacións podería sumarse algún outro unha vez analizado o documento da nova autorización.

O goberno municipal segue a confiar en que se resolva a caducidade da concesión de ENCE e sexa retirada a prórroga que mantén á pasteira en Lourizán.