Comeza a urbanización dos antigos terreos de Tafisa

PONTEVEDRA> A urbanización dos antigos terreos de Tafisa, xunto ó río Lérez, comeza este mesmo mes co inicio da construción de dous edificios de 46 vivendas cada un. O proxecto suporá o peche do proceso de cambio da parcela a uso residencial, tras o cese de actividade da fábrica.

O Residencial NovoLérez colocou esta mañá de maneira simbólica a primeira pedra das dúas primeiras edificacións, que suman un total de 92 vivendas. Con esta obra, iníciase a última fase do proceso de rexeneración deste espazo industrial degradado.

O alcalde alégrase ademais de que sirva para a reactivación dun sector en horas baixas como é o da construción e que aumente a oferta inmobiliaria, permitindo manter os prezos da vivenda.

A promotora apostou por Pontevedra tendo en conta o modelo urbano peonil e sostible, fronte á tendencia dos competidores a dirixirse cara á costa.

A entrega das vivendas está prevista para o último trimestre do 2020.

A continuación, podería comezar a construción doutro edificio na parcela colindante, de máis de 142 vivendas.

A promoción ocupará uns 3.200 metros cadrados e contará cunha praza pública entre os dous edificios, así coma con piscina interior climatizada, ximnasio e salón gourmet.