Centos de persoas fan a súa ofrenda a San Benitiño de Lérez

PONTEVEDRA> O Mosteiro de San Bieito de Lérez celebrou hoxe a súa festa máis popular. Centos de persoas achegáronse ata alí para realizar as súas peticións e para recoller o aceite milagreiro. Un aceite ao que se lle atribúe a curación de verrugas e doutros problemas da pel.

San Bieito de Lérez é considerado o santo máis milagreiro. Por iso, cada ano achéganse ata este mosteiro centos de persoas para pedirlle os seus desexos e para recoller o aceite que cura as verrugas.

Entre as peticións máis repetidas, como non podía ser doutro xeito, está a saúde.

O mosteiro estivo cheo de xente dende a primeira misa, que se celebrou ás 7 da mañá. Dende entón, durante toda a xornada foron moitos os devotos que se achegaron ata aquí para dar as súas ofrendas e, por suposto, para coller o aceite milagreiro.

Como é tradición, ademais de recoller o aceite bendito, hai que rodear o altar do santo 7 veces e tocar a imaxe do monxe cun pano. Tradicións que se repiten ano tras ano neste mosteiro co obxectivo de obter algo de axuda do San Benitiño de Lérez.