A APDR cuestiona a necesidade dun novo emisario para a EDAR de Praceres

PONTEVEDRA> A Asociación pola Defensa da Ría de Pontevedra cuestiona a necesidade dun novo emisario submarino para a EDAR de Praceres. Nas alegacións presentadas ó anteproxecto indican que o que habería que facer é mellorar a rede de saneamento e reducir caudais, para que as augas que saian da depuradora cumpran a legalidade.

A APDR explicou esta mañá as alegacións feitas ó anteproxecto do novo emisario submarino. A asociación presentou una enmenda á totalidade xa que no documento queda claro que sería necesaria una nova EDAR con maior capacidade que a actual, da que non se coñece proxecto.

Ademais presentaron un bloque de 15 alegacións nas que abordan puntos concretos do anteproxecto que é necesario modificar, xa que as decisión non están xustificadas e están definidas en base á dispersión da contaminación por coliformes, que non é, segundo eles, o peor problema de contaminación das augas da ría.

O novo emisario no sería necesario, argumenta o grupo ecoloxista, se as augas que chegan a el o fixeran cumprindo a lexislación. A APDR optaría por redes separativas para as augas residuais urbanas e a mellora da rede de saneamento en cando a estanqueidade para que non cheguen á EDAR a auga salgada, pluviais ou de mananciais.

Tanto o trazado coma o punto final do emisario afectarían ós bancos marisqueiros de Praceres e Lourizán e ó entorno das praias de Portocelo, Mogor e Aguete, polo que consideran que sería mellor empregar o emisario actual ata a illa de Tambo e só modificar o tramo final.

A APDR considera que non é necesaria unha nova EDAR, senón que hai que mellorar a tecnoloxía da actual.

Consideran ademais que non contemplar a construción de novas depuradoras non ten razóns técnicas senón económicas.

Engaden que a cámara de carga e bombeo que se prevé nos recheos dos Praceres remataría co pouco espazo que queda aberto ó mar no barrio.