Sector e administracións barallan un cupo diario por barco para o xurelo

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/16/reunioncercoconselleria1603151.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/03marzo/16/reunioncercoconselleria160315.mp4{/flowplayer} SANTIAGO> Tras unha longa xuntanza, o sector do cerco e a administración comezan a achegar posturas. A Conselleira do Mar comprometeuse a convocar ó Consello Galego de Pesca para abordar medidas que permitan mellorar a comercialización das principais especies da flota cerqueira como pode ser a adopción dun cupo diario, tal e como solicitan os representantes de Acerga. A Consellería do Mar convocará á comisión sectorial do cerco do Consello Galego de Pesca para abordar en colaboración co sector a mellora no sistema de comercialización das especies desta flota. Este foi o compromiso adoptado pola titular de Mar na xuntanza mantida cos representantes da Asociación de Armadores do Cerco de Galicia á que tamén asistiu o secretario xeral de Pesca do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, Andrés Hermida. A principal demanda do sector refírese ó establecemento dun tope diario de seis mil quilos de xurelo por embarcación, norma que deberá ir acompañada dun regulamento que garanta o seu cumprimento por parte de toda a flota. A consellería baralla tamén outras alternativas como o establecemento de épocas de parada. Durante a reunión analizáronse tamén os datos estatísticos do incremento progresivo das cotas que, segundo os datos da Conselleira, téñense incrementado nun cincuenta e dous por cento ó longo dos últimos anos. Esta xuntanza marca o inicio das conversas entre sector e administracións trala concentración celebrada este sábado ás portas da residencia oficial do presidente da Xunta. De momento, ACERGA suspendeu o seu calendario de mobilizacións á espera de chegar a unha solución definitiva, da man da administración, que permita facer rendible as pesquerías da xarda, xurelo e sardiña.