Durán ve arbitrariedade e prevaricación na decisión da Deputación de frear o auditorio

{flowplayer img=https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/10/auditorio_vilanova.jpg}https://www.canalriasbaixas.com/images/ano2015/11novembro/10/auditorio_vilanova.mp4{/flowplayer}

 

VILANOVA> Arbitrariedade e prevaricación. Así se refire o alcalde de Vilanova á decisión da Deputación de Pontevedra de paralizar as obras na casa da cultura de O Esteiro. Gonzalo Durán denuncia que non se cumpriu o convenio e ve motivos políticos tras esta decisión, e non descarta recorrer aos tribunais para que se investigue.

Enfado monumental en Vilanova. O alcalde da vila non entende os motivos da Deputación para paralizar a obra da casa da cultura de O Esteiro, e non descarta recorrer aos tribunais para que se investigue unha posible prevaricación de Carmela Silva.

Durán non da por bos os motivos que dan dende a administración provincial, que apuntaba á presenza dunha liña de alta tensión no entorno da casa da cultura. O alcalde asegura que a solución é soterrala, actuación que contaría cunha licenza de Costas aportada polo concello no mes de xuño. Tamén denuncia o incumprimento do convenio ao non convocar á comisión de seguimento da obra.

Aínda que o prazo de execución da obra finalizaba en agosto, Durán asegura que había informes técnicos favorables para conceder unha prórroga á empresa. Nesta decisión ve motivacións políticas, teoría que comparten os deputados populares.

O alcalde de Vilanova tamén apuntou que a paralización das obras do futuro auditorio pon en perigo toda a programación prevista polo concello para conmemorar o 150 aniversario do nacemento de Valle-Inclán o vindeiro ano.