Aparece o cadáver dun septuaxenario no porto da Pobra

POBRA>  A vítima, José Mayán Calo, era natural de Porto do Son, pero residente na localidade pobrense dende hai moitos anos. Á espera dos resultados da autopsia, todo apunta a unha morte accidental, xa que o corpo presentaba un forte golpe na cabeza.

Alertados polos traballadores do servizo de recollida de lixo, desprazáronse ata a zona da rampla existente a carón do mercado municipal efectivos da Garda Civil, da Policía Local e persoal de Portos. Eles encargáronse de acordoar o lugar no que aparecía o corpo e dar aviso ó Xulgado de Primeira Instancia e Instrución Número 1 de Ribeira e á médico forense para proceder ó levantamento do cadáver. O feito de que o falecido portase a súa documentación facilitou tamén a súa identificación, algo que corroboraron posteriormente os seus familiares, que se achegaron ata a zona do suceso. Trátase de José Mayán Calo, de 77 anos de idade, natural de Porto do Son, aínda que con residencia na Pobra dende hai moitos anos. Unha persoa moi coñecida na localidade.

A Garda Civil investiga agora as posibles causas da morte. O seu vehículo atopábase a escasos metros do lugar. Todo apunta a unha posible morte accidental, froito posiblemente dunha caída, pois o corpo aparecía cun forte golpe na cabeza. Un aspecto este que virá determinado polo resultado da autopsia, xa que o cadáver foi trasladado ó Anatómico Forense.

O suceso casou unha gran expectación, e foron moitos os veciños e curiosos que se achegaron ata a zona.