CANAL RÍAS BAIXAS> Canal Rías Baixas preparou para esta Noiteboa unha programación especial. A cadea emitirá a partir das 22.15 horas o ‘Especial Noiteboa’, un programa conducido por Dani García e Uxía Vidal, que este ano escolleu como localización a Capela do Santo, na parroquia de Nantes (Sanxenxo). Precisamente, os veciños da zona acompañarán aos presentadores ao longo da noite participando como público.
O espazo inclúe actuacións musicais e reportaxes coas actividades de Nadal dos concellos da contorna como protagonistas. Haberá paradas, por exemplo, en Cambados, Valga, Rianxo, Vilagarcía ou Pontevedra. Ademais, a presentadora e xornalista Patricia Fernández Santana achegarase de visita ao programa, para compartir un anaco cos espectadores de Canal Rías Baixas. A popular comunicadora terase que someter a un test de Nadal co descubriremos canto sabe destas Festas.
A nota musical virá da man de Ángel Sevilla, Tamara Pérez, DJ Federato e Ana Angueira. Todos eles acompañarannos ao longo da gala con distintas actuacións, incluíndo tamén no seu repertorio panxoliñas.
O ‘Especial Noiteboa’ emitirase por Canal Rías Baixas, pero tamén se poderá seguir a través do Facebook e YouTube da televisión. A través das redes socias, poderanse enviar comentarios ou felicitacións de Nadal co cancelo #NoiteboaCRB.