Seis promocións urbanísticas impulsan a construción de máis de 260 vivendas en Pontevedra

PONTEVEDRA> En Pontevedra continúa incrementando o mercado da vivenda nova. Segundo o edil de Urbanismo, nos últimos tres meses ata seis promotoras solicitaron licenza para a construción de máis de 260 vivendas na cidade. O investimento, explicou Alberto Oubiña, superará os 26 millóns de euros. O goberno local confía en que o aumento da oferta contribúa a frear o incremento de prezos.

Ata seis promotoras agardan en Pontevedra pola licenza necesaria para iniciar a construción de nova vivenda n a cidade. Son as solicitudes recibidas polo concello nos últimos tres meses.

Serán máis de 260 vivendas en diferentes puntos da cidade. Unha das promocións é de carácter público, impulsada polo Instituto Galego de Vivenda e Solo. Situarase na rúa Pradonovo, no barrio de Valdecorvos.

Cara a antiga parcela de Tafisa miran dous promotores. Un deles é unha cooperativa, que construirá 56 vivendas. O outro, trátase dunha promotora viguesa que impulsa o levantamento dun edificio con 60 vivendas.

Na Rúa Peregrina, un edificio de 18 vivendas ocupará o solar que deixen os números 57 e 59 trala súa demolición. Na avenida Virxinia Pereira contémplase a construción doutras 33, mentres que entre a rúa do Ouro e Domingo Andrade, construirase un inmoble a dúas alturas de 22 vivendas.