O 2025 deixou menos accidentes pero máis graves nas estradas da provincia de Pontevedra

PONTEVEDRA> Menos accidentes pero máis graves. É o balance que deixa o 2025 nas estradas interurbanas da provincia de Pontevedra. Segundo os datos presentados hoxe na Subdelegación do Goberno, durante o ano pasado houbo menos falecidos pero máis feridos graves. Tamén destacan o elevado número de imprudencias detectadas ao volante.

Vinte persoas perderon a vida nas estradas interurbanas da provincia de Pontevedra no 2025. Son dúas persoas menos que no ano anterior. Así as cousas houbo 176 feridos graves, case o dobre que no 2024.

Dende a Subdelegación do Goberno poñen tamén o foco nas imprudencias ao volante. Rexistrouse unha leve repunta no consumo de alcol ou drogas ao volante. Dos máis de 163.000 controis de alcolemia realizados, un 2,7% resultados positivos. No caso dos drogotests, fixéronse algo máis de 4.500 e resultaron positivos case o 52%.

Tamén se deu a voz de alerta polos excesos de velocidade ou persas que non levaban o cinto abrochado.

Así, o 50% das persoas falecidas eran usuarios vulnerables. Deles 7 eran motoristas, 2 peóns e 1 usuario de ciclomotor. O máis preocupante, significou o subdelegado, é a cifra de motoristas falecidos. Tamén cabe destacar que os dous peóns atropelados mortalmente eran maiores de 65 anos.

En canto as multas tramitadas polos axentes da Garda Civil de Tráfico, crecen as infraccións por velocidade excesiva, que subiron ata as 56.000. O máis significativo é o crecemento das dilixencias penais incoadas, pois chegaron a 893. Os motivos: condutores que nunca tiveron carné,  conducindo co carné retirado, outros foron sorprendidos conducindo sen puntos e 14 que foron xulgados por delito contra a seguridade viaria a raíz dun exceso de velocidade.