MEAÑO> Meaño conta cunha bolsa de aparcadoiro en pleno centro do municipio. O concello mercou un antigo viñedo que transformou nun espazo estratéxico para estacionar os vehículos, próximo a equipamentos como a casa consistorial, o centro de saúde ou o colexio As Covas. O goberno local calcula que pode acoller ao redor de 60 vehículos.
O concello de Meaño vén de poñer solución a un déficit histórico do municipio: a falta de aparcadoiro no centro da vila. O goberno local pechou a adquisición dunha parcela de 1.700 metros.
Hai máis de sete meses que o goberno local comezou os trámites. A parcela era un antigo viñedo, polo que precisou dunha actuación previa para habilitar o espazo como aparcadoiro.
Aínda que sen pavimentar, o espazo xa se pode empregar para aparcar nesta zona de Meaño, rodeada de numerosos servizos.
Precisamente hai unhas semanas o concello daba por rematada a actuación de humanización e ampliación da rúa Herminia Fariña, mellorando o servizo e dando unha nova imaxe a todo este espazo.











