Os catro presentadores da gala dos Premios Feroz xa están en Pontevedra

PONTEVEDRA> Pontevedra conta as horas para volver converterse na capital do audiovisual español. Este sábado o Recinto Feiral vestirá as súas mellores galas para acoller a entrega dos Premios Feroz. Un evento que máis aló da cita do sábado deixou a súa pegada na cidade: creáronse 50 empregos directos, 350 indirectos e contou coa colaboración de 20 empresas pontevedresas e de toda Galicia.

A alfombra vermella volverá despregarse no Recinto Feiral de Pontevedra este sábado. A cidade acolle por segundo ano a gala dos Premios Feroz, unha cita que a converterá na capital do audiovisual español.

O concello asinou un convenio de colaboración coa Asociación de Informadores Cinematográficos de España para acoller esta cita os anos 2025 e 2026. Segundo destacan dende a organización, esta edición tamén tivo impacto económico na cidade.

Máis dun milleiro de persoas asistirán á gala deste sábado. Un evento de primeira liña que estará dirixida por catro presentadores que xa están en Pontevedra. Son Petra Martínez, Elisabet Casanovas, Samantha Hudson e o actor galego Antonio Durán ‘Morris’.

Tamén apoia a celebración dos Feroz en Pontevedra a Deputación. Hoxe o deputado Jorge Cubela destacou a importancia da colaboración institucional.

A cerimonia será retransmitida pola 2 de Televisión Española e RTVE Play. Tamén contará cun programa especial de alfombra vermella no Youtube.