Esixirán reformas nos centros escolares de Vilagarcía

    O Pleno de Vilagarcía acordou onte pola noite esixir a Educación as reformas nos colexios A Lomba, Arealonga e Carril, tras aprobar por unanimidade unha moción do BNG. Sen embargo, o alcalde, Javier Gago, advertiu que estas actuacións non se poderán acometer este ano por falta de financiación. A corporación municipal de Vilagarcía debateu onte novamente sobre as melloras necesarias no colexio A Lomba. O BNG presentou unha moción na que relatou unha serie de desperfectos que non foron resoltos nin polo concello nin pola delegación provincial de Educación. Tódolos grupos acordaron por unanimidade esixir á consellería estas melloras pero a proposta do BNG causou unha gran polémica. Para empezar, o portavoz nacionalista lamentou que se incumprira o acordo plenario de abril para arranxar o centro. O alcalde tachou de oportunista ó BNG por presentar a moción a sabendas de que Educación non dispón de partida necesaria para abordar estas melloras. Sen embargo anunciou que o vindeiro luns o goberno municipal trasladará á consellería as necesidades deste centro educativo e dos colexios de Carril e Arealonga. Javer Gago insisteu en que os tres requiren unha rehabilitación integral. Os reproches do alcalde a Castro Ratón chamaron a atención do portavoz do PP, Tomás Fole, quen xa dubida aínda máis do posible pacto PSOE-BNG no concello. Os reproches tamén viñeron do portavoz de Esquerda Unida, Juan Fajardo, quen tamén é membro do consello escolar da Lomba. Pero neste caso dirixidos á concelleira de Educación, Victoria Hierro, a quen acusou de non visitar os centros. Pola súa banda, IVIL pediu que non se fixera unha guerra política con este asunto. A pesar das críticas mutuas, tódolos grupos recoñeceron a necesidade de rehabilitación integral da Lomba. Así, acordaron solicitar a Educación, entre outras obras, a sustitución da rede de fontanería, desagües, ou reposición de ventanas.